Adestrar o porteiro: técnica, colocación e xogo cos pés
O porteiro é o único que pode gañar ou perder un partido cunha soa acción. Como progresar do xesto illado ao partido, onde colocarse no 1 contra 1 e nos córners, e xogos para porteiros novos.
Linkalde · 2026-10-19
Durante anos o porteiro foi o que se poñía baixo os paus porque non corría ou porque era o máis alto. Hoxe sabemos que é un posto con técnica propia, decisións propias e unha carga mental que non ten ninguén máis no campo: un erro seu case sempre acaba en gol. Por iso merece a súa parte do adestramento, e non só recibir tiros mentres o resto fai o quecemento.
Unha idea que axuda a quitarlle presión ao porteiro novo: ata os mellores se equivocan. Alan Hodgkinson, que foi porteiro de Escocia, resumíao en cantos partidos pasan de media entre un erro e o seguinte segundo o nivel:
Partidos entre un erro e o seguinte
Do simple ao partido
O erro máis común é lanzarlle ao porteiro tiros fortes desde o primeiro minuto. Se non lle dá tempo a facer o xesto, só aprende a tirarse como pode. A progresión que propón a FIFA vai en cinco chanzos:
- Técnica pura: o xesto illado, a 5 ou 7 metros e con balóns que lle deixen tempo.
- Unha soa opción: o balón chega e o porteiro sabe o que ten que facer.
- Dúas opcións: blocar ou despexar, saír ou quedarse.
- Varias opcións: ten que ler a xogada e elixir.
- Situación real de partido: con compañeiros, rivais e o ritmo dun partido.
| Situación analítica | Situación de xogo | |
|---|---|---|
| Distancia de tiro | 5 a 7 metros | 16 a 20 metros |
| Tipo de balón | O mesmo, a un ritmo que permita o xesto | Cambiando ángulo, potencia, altura e forma de golpear |
| Onde se pon o adestrador | Preto, a uns 5 metros, para ver e corrixir | Lonxe ou detrás do porteiro, sen cortar o xogo |
| Que se corrixe | Pés, corpo e mans, nesa orde | Colocación, decisión e continuidade da xogada |
Grava o porteiro co móbil durante o adestramento. A cámara lenta vese enseguida se os pés chegan tarde ou se se lanza coa perna que non toca, e ao porteiro axúdalle moito verse.
Os detalles de técnica que máis fallan
- Cruzar os pés ao desprazarse. O porteiro móvese con pasos laterais curtos e rápidos, agachado, sen cruzar nunca as pernas: así sempre ten apoio para lanzarse.
- Tirarse cando abondaba con dar un paso. Moitos balóns blócanse dando un ou dous pasos cara a diante en lugar de lanzarse ao chan.
- Esperar polo balón. O porteiro vai polo balón e non deixa que o balón decida por el.
- As mans na caída ao chan. A man de fóra vai detrás do balón e a outra enriba. O fallo típico é tapar sempre coa man boa, tamén cando o balón vai ao lado malo.
- A palomiña coa perna equivocada. Para estirarse rente ao chan hai que impulsarse coa perna do lado do balón; no lado malo moitos cruzan as pernas para usar a boa.
- Por alto, a man de fóra. Á escuadra chega máis a man máis afastada do pau.
Cos máis novos convén quitarlles as luvas un anaco de cando en vez: sen elas senten o balón, notan o traballo dos dedos e aprenden a blocar de verdade.
Onde colocarse
Non todo é técnica. Un porteiro ben colocado fai fáciles paradas que outro tería que facer imposibles. Para aprender o ángulo abonda con atar unha corda ou unha cinta de cada pau a un punto da área: o triángulo que forman é o espazo que ten que tapar, cos ombreiros sempre como base dese triángulo.
O 1 contra 1: non saír demasiado cedo
Ao porteiro repítenselle que saia a pechar, e moitos saen sen orde. O manual da FIFA defende outra idea: o dianteiro adoita chutar cando está a 6 ou 11 metros do porteiro. Se o porteiro sae a 12 metros da súa liña mentres o dianteiro vén só desde 40, regálalle dúas opcións fáciles: a vaselina ou o regate. Se agarda a uns 5 metros da liña, o dianteiro ten que seguir avanzando, os defensas teñen tempo de volver e o dianteiro acaba chutando con présa e con menos opcións.
Distancia á liña de gol nun 1 contra 1
Córners e centros
- Córner pechado, cara á portaría: o máis difícil. Un metro por diante da liña e no centro da portaría. Se hai un defensa en cada pau, o do primeiro pau non se move.
- Córner aberto, cara a fóra: estes balóns caen entre 3 e 9 metros da liña. Se o porteiro se queda pegado á liña, chega tarde. Uns 3 metros por diante obriga ademais o lanzador a sacar máis longo.
- Centros desde a banda: o extremo adoita conducir, levantar a cabeza e volver mirar o balón. Nese momento o porteiro dá uns 3 pasos cara a diante.
- Balón longo con atacantes polo medio: mellor non saír. O rematador ten poucas opcións e saír só trae riscos.
Antes de colocar a barreira nunha falta lateral, a primeira pregunta é sempre a mesma: poden marcar directo? Con efecto cara á portaría, o porteiro ponse á altura do segundo da barreira; con efecto cara a fóra, sae como nun córner aberto.
O porteiro tamén xoga cos pés
Desde que non se pode coller coa man a cesión do compañeiro, o porteiro é un xogador máis na saída de balón. Dous consellos que evitan moitos goles parvos:
- Ofrecerse ben. Se o central está a 25 metros, non hai que saír a pedirllo a 12 metros da portaría: así redúcese o espazo e o dianteiro chega a presionar. Mellor abrirse cara á liña de fondo e recibir sen presión.
- Sen présa. Se hai tempo, controlar e deixar o balón 1,5 ou 2 metros por diante para ver todo o campo antes de xogar. Se aprietan, buscar bo apoio e golpear limpo, non rebentar o balón.
- Adestrar co equipo. Un rondo de 5 contra 2 co porteiro dentro ou os partidos co porteiro de xogador de campo valen máis que moitos despexes en solitario.
Xogos para porteiros novos
Cos pequenos o importante é que toquen moitos balóns e que aprendan tamén a comezar o xogo. Estes xogos de dous porteiros funcionan moi ben e case non precisan material:
| Xogo | Como se xoga | Que aprende |
|---|---|---|
| Pase ao corpo | Dous porteiros lánzanse o balón coa man, sempre ao corpo, e vanse afastando. | Coordinación ollo-man e blocaxe seguro |
| Voleibol de porteiros | Un contra un ou dous contra dous cunha rede ou unha corda a 2 metros de altura. O balón lánzase coa man ou sácase de voleo. | Saques longos e con dirección |
| Portaría contra portaría | Dúas portarías a 11 metros. Cada porteiro tenta marcar ao outro lanzando coa man, rodando ou por riba do ombreiro. | Lanzamentos coa man e parada |
| Por riba da barreira | Dous xogadores no medio de dous porteiros. Hai que pasar o balón por riba ou polos lados. | Xogo co pé e saques elevados |
| Fútbol-tenis | Un contra un ou dous contra dous con rede baixa, coas regras do voleibol. | Control e golpeo cos dous pés |
O último paso é o partido: un 5 contra 3 no que sempre comeza o porteiro co balón. Así aprende a quen pasar e como, igual que nun partido de verdade.
“No fútbol, o que conta, ante todo, é o partido.”
Bibliografía
- FIFA. El entrenamiento del portero. Aspectos técnicos y tácticos. Fédération Internationale de Football Association.